Metodoloxía
De onde saen os datos
Das notas oficiais de primeira venda que publica a Xunta de Galicia na Plataforma Tecnolóxica da Pesca (pescadegalicia.gal). Ata 2025 usamos os ficheiros anuais oficiais, un por ano desde 2003. Para 2026 reconstruímos cada día desde o visor público «Cotizacións nas lonxas»; son datos reais da propia Xunta, pero sen o peche anual: poden recibir correccións e substituiranse polo ficheiro oficial cando se publique.
O prezo
É sempre a media ponderada por quilo: o importe total dividido entre os quilos vendidos en todas as lonxas de Galicia. Nunca unha media de medias. Unha especie cotiza nunha sesión só se supera o seu limiar de volume (5 kg ou máis, segundo o que adoita venderse dela). Se non o supera, mostramos a media dos últimos 7 días.
Por riba ou por debaixo do habitual
Comparamos a media dos últimos 7 días coas mesmas semanas do ano (a semana ISO, a anterior e a seguinte) de 2016 a 2025, en euros constantes co IPC do INE. Se queda por debaixo do percentil 25 dicimos «por debaixo do habitual»; por riba do 75, «por riba do habitual»; entre medias, «dentro do habitual». Excluímos as semanas do confinamento de 2020 e esiximos polo menos 15 semanas de referencia.
Tempada e paradas
A tempada sae da cota típica de quilos de cada mes entre 2016 e 2025. Unha parada dedúcese polo volume: cando en 7 días se vende menos do 1 % do habitual. Non é unha veda oficial, e dicímolo así.
Mínimo e máximo
O visor publica o prezo do lote máis barato e do máis caro de cada día. Non son medias: por iso un titular pode falar dun prezo moi superior á media da lonxa.
O resumo semanal
Cada venres publícase só o resumo da semana anterior (de luns a domingo), cando a Xunta xa completou case todas as notas. Que sobe e que baixa: prezo medio da semana fronte á anterior, só en especies con volume suficiente. Fronte ao habitual: o mesmo criterio que nas fichas. Volve: despois de polo menos catro semanas por debaixo do 1 % dos seus quilos habituais (a mediana semanal de 2016–2025), supera ese nivel; se a semana anterior xa se vendía con volume, non conta como volta. Cada semana leva ademais un tema, escollido por regras fixas: datas sinaladas, récords, especies que volven ou se despiden, prezos fóra do habitual ou unha lonxa convidada. A protagonista é a especie con peso na semana que máis se afasta do habitual. O prezo máis alto é a media dun día nunha lonxa, con polo menos 20 kg. O que adoita chegar sae do reparto típico dos quilos de cada especie por semanas en 2016–2025.
As lonxas, comparadas
En cada lonxa, o prezo dunha especie é a súa media ponderada da semana, só se vendeu polo menos 25 kg (ou a cuarta parte do limiar da especie). A comparación con Galicia é a mediana das últimas 52 semanas. Se unha lonxa vende entre a metade e o 9 % dos quilos dunha especie, compárase co resto de Galicia; por riba do 9 %, non se compara. Non é o mesmo peixe: cambian o tamaño, a arte e a frescura. Por iso dicimos «págase máis de media», nunca «é máis caro».
Calendario, récords e Nadal
Un «adoita» do calendario cúmprese polo menos 7 de cada 10 anos entre 2016 e 2025: tempada é un mes con polo menos 1,25 veces os quilos dun mes medio. Un récord é a media máis alta dun día nunha lonxa, cun lote mínimo e dous filtros que descartan lotes soltos a prezos imposibles; o récord desde 2003 só se dá en especies coa serie estable. No Nadal, a suba mídese en euros constantes fronte ao prezo do 15 ao 28 de novembro.
A carta da portada
O fondo da portada son as Rías Baixas de preto, de Arousa a Vigo, coa súa batimetría real: a costa e as isóbatas de 100 e 200 m saen dos datos de EMODnet Bathymetry Consortium (EMODnet Digital Bathymetry, CC BY 4.0), e a costa engrosa na sombra e adelgaza na luz, como nun gravado. Os barcos, as lonxas e os camións son ilustración. O movemento da auga é decoración: non reflicte o estado real do mar nin cambia cos datos.
O que non sabemos
Os datos non din o calibre nin a calidade, nin que barco pescou cada lote. O prezo de lonxa non é o prezo da peixaría. O mexillón e o lagostino non pasan pola lonxa. Os datos do último día chegan escalonados; indicámolo cando aínda se están completando.